Guía definitiva para unha noite de San Xoán máxica

Lume dunha cachela de San Xoan

De qué falamos neste post

Herbas, sardiñas, queimada, lume e meigas fóra.

Chegou a víspera de San Xoán, hai que comezar os preparativos para celebrar a chegada do verán e bótasenos o tempo enriba. Non pasa nada, podemos seguir exprimindo a nosa produtividade un anaco máis sen perder a cita cas tradicións máxicas (nin ca troula).

Para que todo sexa máis sinxelo neste San Xoán e nos que veñen, quixemos facer unha guía práctica onde recollemos os ritos e costumes desta festividade, resumímolos e organizámolos paso a paso.

1. MELLOR SABER POR SE ALGUÉN PREGUNTA

O solsticio

Polo San Xoán celébrase o solsticio de verán1, cando comeza esta estación e corresponde á noite máis curta e o día máis longo do ano. Pero… o verán comezou o 21 de xuño, ese foi o verdadeiro día máis longo do hemisferio norte. Si, é certo. A que celebramos é unha festividade pagán pre-cristiá que (por motivos imos decir burocráticos) quedou co día 24 de xuño do calendario gregoriano.

A maxia

Dise que nesta data sinalada as fronteiras entre o mundo real e o espiritual están difusas e cómpre protexerse de bruxas, meigallos e mesmo o demo2. Tamén nos podemos aproveitar das propiedades máxicas das prantas que se potencian nesta noite, dos efectos purificadores do lume contra o mal de ollo e a envexa, das virtudes avivadas das fontes milagreiras ou mesmo de prácticas adiviñatorias3.

En San Xoán, as bruxas fuxirán.

2. FACER O CACHO

O qué? O cacho4 é un recipiente onde se botan 7 herbas e auga de 7 fontes e déixanse toda a noite ó sereo para lavarse coa infusión pola mañán. E facer o cacho é como se lle chama a todo o proceso que implica esta costume. O que se consegue é quitarse ó demo do corpo, alonxar ás bruxas e curar a envexa. E por se fora pouco, promete efectos cosméticos.

As herbas

No San Xoán, fouciña na man.

Con fouciña ou sen ela, a selección das herbas que hai que recoller é de tradición familiar, pasa de xeración en xeración e en cada casa hai unha receita distinta (pasa como ca receita das croquetas). Pero sexan cales sexan as herbas elexidas, teñen unhas características comúns:

  • Son polo menos sete
  • Cun cheiro especial
  • Con aplicacións medicinais
  • Con propiedades máxicas

As herbas máis populares

  • Hypericum perforatum. Herba de San Xoán, abeluria, abeloura, abelouro, malfurada. 
    • Está considerada unha planta especial contra o demo.
    • Cicatrizante e antiséptica.
  • Dryopteris filix-mas. Fento macho.
    • VELENOSO SE SE INXIRE
    • Lendas galegas e británicas din que á medianoite de San Xoan bota flor.
    • Era apreciado como antiparásito, pero a súa administración é complicada pola súa toxicidade.
  • Foeniculum vulgare. Fiuncho
    • Corre ós malos espíritos, especial contra o mal de ollo.
    • Usado para asma, malas dixestións e inflamacións oculares.
  • Malva vulgaris. Malva
    • Para resfriados, bronquite, afeccións dixestivas, nervios…
  • Rosmarinus officinalis. Romeu, romeo.
    • Herba que protexe e purifica os fogares.
    • Contra reuma, artrite, trastornos do sistema circulatorio, depresión…
  • Aloysia citrodra. Herbaluisa
    • Herba especial para os amoríos.
    • Boa para dores de estómago e barriga, contra gases e dores de cabeza.
  • Adenocarpus complicatus. Codeso.
    • Utilízase para barrer a casa (temén literalmente) dos malos espíritos.

Pode ser que non atopes estas, pero podes botarlle algunha destas outras: roseira brava, estraloque, falsa árnica, fento real, ruda, artemisa, tromentelo, poenxo, macela, chuchameles, espadaina, ourego, fento rizado, hortensia. Ou botarlle follas de: sabugueiro, loureiro, figueira, laranxeira, nogueira (mellor con 3 noces), vide branca, limoeiro, amieiro.

A herba de San Xoán limpa a cara de grans.

Cun horto e cun malvar hai menciñas pra un fogar.

A auga

O ideal é que empregues auga de sete fontes. Se son milagreiras, moito mellor. Non te procupes, deixámosche esta ligazón para que aches as fontes que máis che conveñan no teu derroteiro buscando as herbas. 

Se non hai fonte cerca, entón da traída que seguro terá auga de máis de sete fontes.

Amancio Castro en Galician Garden

Preparación

  1. Selecciona as herbas, amárraas nun feixe e colócas dentro do cacho coa auga recollida ata cubrilas.
  2. Deixa o cacho á intemperie para que colla o orballo de toda a noite. Podes colocar na boca do recipiente toxos, silveiras ou cardos cruzados para que o demo non cague nel. Nós temos claro que non imos asumir o risco de saltar este paso, non vaia ser.

Cómo se usa

  1. Ó mencer do 24, lava a cara, os pés ou todo o corpo coa auga. Hai quen fai este lavado mirando cara o Este para recibir as primeiras raiolas do sol.
  2. Non te seques, deixa que te seque o aire.
  3. Se sabes cómo, podes empregar as herbas en remedios tras secalas ó sol varios días.
  4. Podes gardar as herbas secas para queimalas no lume de San Xoán do ano seguinte.

3. FACER A ESMORGA

Xa deixaches o cacho listo, agora toca reunirse e celebrar

Comer

Polo San Xoán a sardiña molla o pan.

Nas zonas da costa adóitanse asar as sardiñas na grella e comelas coas mans, acompañadas con pan de millo ou bola e cachelos. A elección culinaria non ten poderes místicos (que sepamos), así que aquí síntente libre para escoller o que prefiras5, aínda que suxerimos que sexa algo asado con lume aproveitando as circunstancias.

Beber

A maiores do que elixas para refrescar a gorxa e quencer o corpo, deixámosche a receita da queimada pra pedir protección ós espíritos que están fóra e que nos alonxen de tódo-los males.

Queimada: ingredientes

  • Augardente
  • 120 g de azucre por cada litro de augardente
  • Monda de limón
  • Monda de laranxa
  • Podes engadir:
    • Grans de café sen moer
    • Anacos de mazá

Queimada: preparación

  1. Nun pote (ou no que poidas que non arda nen se derrita), bota todos os ingredientes na cantidade que estimes que poidades beber, mantendo a proporción de azucre. Remove.
  2. Desa mistura separa unha pequena cantidade do líquido (só augardente e azucre, evita o resto) cun cullerón. Préndelle lume para que arda o augardente.
  3. Este lume que tes no cullerón é co que tes que prender o resto da queimada, introducindo o cullerón no pote. Remove paseniño e saca culleradas de cando en vez que deixarás caer novamente sobre a pócema.
  4. Pon no cullerón só azucre e déixao caramelizar sobre o lume prendido da queimada. Cando teñas o caramelo feito incorpórao.
  5. Remove e cando esté rematando de consumirse o alcohol, recita o conxuro.
  6. Servir quente en cuncas con todos os ingredientes.
  7. Non o bebas co lume prendido, se fai falla sopra un pouco.

Queimada: conxuro

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas;
demos, trasnos e diaños;
espíritos das neboadas veigas,
corvos, pintegas e meigas;
rabo ergueito de gato negro
e todos os feitizos das menciñeiras…

Podres cañotas furadas,
fogar de vermes e alimañas,
lume da Santa Compaña,
mal de ollo, negros meigallos;
cheiro dos mortos, tronos e raios;
fuciño de sátiro e pé de coello;
ladrar de raposo, rabiño de martuxa,
oubeo de can, pregoeiro da morte…

Pecadora lingua de mala muller
casada cun home vello;
Averno de Satán e Belcebú,
lume de cadáveres ardentes,
lumes fatuos da noite de San Silvestre,
corpos mutilados dos indecentes,
e peidos dos infernais cus…

Bruar da mar embravecida,
agoiro de naufraxios,
barriga machorra de muller ceibe,
miañar de gatos que andan á xaneira,
guedella porca de cabra mal parida
e cornos retortos de castrón…

Con este cazo
levantarei as chamas deste lume
que se asemella ao do inferno
e as meigas ficarán purificadas
de tódalas súas maldades.
Algunhas fuxirán
a cabalo das súas escobas
para iren se asulagar
no mar de Fisterra.

Ouvide! Escoitade estos ruxidos…!
Son as bruxas que están a purificarse
nestas chamas espiritosas…
E cando este gorentoso brebaxe
baixe polas nosas gorxas,
tamen todos nós quedaremos libres
dos males da nosa alma
e de todo embruxamento.

Forzas do ar, terra, mar e lume!
a vós fago esta chamada:
se é verdade que tendes máis poder
ca humana xente,
limpade de maldades a nosa terra
e facede que aquí e agora
os espiritos dos amigos ausentes
compartan con nós esta queimada.

Mariano Marcos Abalo

Saltar

Fogueiras, lumes, lumeiradas, laradas, cachadas, cachelas, cacharelas.

Dise que os lumes de San Xoan son purificadores, bos contra o mal de ollo, os meigallos, enfermidades e que ten propiedades casamenteiras.

Por se acaso é certo, é tradición acender os lumes6 nas primeiras horas da noite, despóis da cea. Cando xa case quedan só as brasas e o lume está baixo, case consumido, sáltase sobre él mentres se di:

Salto por riba
do lume de San Xoán
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan.

Hai que saltala un número impar de veces (dende tres) e dun lado para outro.

Pra maior efectividade, hai que saltala sen roupa.

Pero sobre todo hai que saltala con sentidiño, por favor.

A noite de San Xoán é tamén bo momento para dar inicio e fin a etapas. Para isto escríbense nun papel 10 cousas que queiramos facer, cambiar ou mellorar durante o seguinte ano. Este papel é para gardar ben dobladiño e no seguinte San Xoan facer revisión a ver qué tal foi o ano e queimalo no lume.

4. REPASO

  1. Fala con quen vaias celebrar o San Xoán para repartir tarefas
  2. Se vas facer cachela, consigue permiso no concello
  3. Consigue a comida e a bebida
  4. Prepara o cacho
    1. Consigue as herbas
    2. Consigue a auga
  5. Fai a cea e cea ben
  6. Prende a cachela (se tes herbas secas do ano pasado, quéimaas)
  7. Fai a queimada
  8. Prepara o papel coas intencións do ano (se tes un do ano pasado quéimao)
  9. Esconxura ás bruxas
    1. Bebe queimada
    2. Salta a cachela
  10. Celebra
  11. Lávate coa auga do cacho
  12. Seca as herbas para o ano seguinte
  13. Repetir ó ano seguinte

NOTAS:

  1. Solsticio de verán: momento no que a inclinación do eixo da Terra fai que o hemisferio norte reciba luz do Sol durante máis tempo que o resto do ano.
  2. Hai quen pon en fiestras, portas, tellados e chimeneas cardos, toxos ou silveiras para impedirlle a entrada ás bruxas.
  3. A práctica máis usada é a do ovo. Na medianoite, cáscase un ovo e déixase a clara nun vaso con auga ó sereno ata o amencer. Pola mañán vaise ver o ovo e segundo a forma que tomou, adivíñase a sorte que se vai ter no ano.
  4. Podemos empregar calquer recipiente de boca ancha, como unha tina, almofía, tarteira, caldeiro… o que teñas a man.
  5. Grellada de verduras, sardiñas, marisco, polbo, churrasco, chourizos, polo… Pero tamén tortilla, empanada, raxo, pementos de padrón… 
  6. Pra acender lumes, aínda que sexa na túa leira, tes que avisar no concello. Se non o fixeches, consigue que te conviden a unha cachela legalizada e pide permiso ó ano seguinte.

FONTES consultadas 23/06/2021:

Se che gustou este post
seguro que tamén che gustan estoutros:
Alimentación

Imos de picnic

Queremos aproveitar o que queda de bó tempo para ir de pícnic. Repasamos ideas para disfrutar ó maximo na natureza.

Ler »